RETABRO DA BARCA

O espléndido retablo barroco, obra do escultor Miguel de Romay, foi destruido completamente polo lume, no incendio que se declarou no Santuario, a causa dun raio, o 25 de decembro de 2013.

O retabro da Barca formaba parte do mapa das vidas dos muxiáns. É unha perda importantísima que non vai poder ser recuperada.

Queremos lembralo dende o Proxecto Buserana co poema que lle dedicou o noso poeta , Gonzalo López Abente:

RETABRO DA BARCA

                                A Miguel Romay, escultor santiagués

                                              autor deste magnífico retabro.

 

Lostregaron no souto escentileos

do aceirado sorrir da ferramenta.

Suspenso e trepezal o bosco alenta

e o xenio creador baixa dos ceos.

 

Renxer de serras, machadazos crúos,

toradas a rolar polas encostas,

as mans do artista a traballar dispostas

e os portentos en pé, ceibos e múos.

 

Castiñeiros do monte esnaquizados

en pezas ben miudas, ao Obradoiro

fóstedes polo boi marelo ou loiro

nos carros cantareiros carrexados.

 

E bebe a inspiración do seu poema

o poeta cantor en Compostela.

¡Pregaria a revoar na gran capela

en onde a Virxe nunha barca rema!

 

O sol, no lenzo azul, da a derradeira

pincelada de ensoño, e a pregar

cai de xoellos, devoto, na fogueira

onde se beixan o alto ceu e o mar.

 

As vagas de cristal rompen na orela

lixando o espazo nu de húmeda bruma,

e ao estreitaren de bruzos a capela

vese o milagre buligar na escuma.

 

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camarín abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

 

O retrabo de pé no Santuario

deixa o castaño, e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

                             Gonzalo López Abente    (1959)

O Santuario da Barca durante a novena, co retablo ao fondo . Fotografía de Iago Toba Campaña