AÍ VEN A BARCAAAA !

img136Aí ven a Barca! o momento en que os reloxos se paran e Muxía vive noutra dimensión. Logo virá o quedar soíños e afrontar o inverno.

Pero agora é tempo de festa, de familia, de preparar casas e comilladas- safarrancho de combate ! -, de non durmir, de esperar aos fillos ata as tantas, de arresender a pan de ghuevo ,a braso de ghitano, e biscochón…facer o cabrito, a ensaladilla, os callos, a empanada… poñerse ghuapos o luns da Barca, rebentarche o peito coa traca ,comer o pulpo e ir ver os romeiros, abalar a pedra e bailar ata rachar os tacóns, mirar na ventá e ver as hortas cheas de xente que ven  vivir a festa ( e canto humor teñen! familias enteiras trasfegando mesas, cadeiras, comidas….que non se resignan a deixar perder a romaría, porque é súa).

Pedir para o ano que empeza e propoñerse cousas e proxectos para despois da Barca…

A Barca é muito. Aínda que nos últimos tempos ande un pouco descarriada e case non a recoñezamos. Pero é a Barca.

E nun lugar coma este Proxecto Buserana non podemos deixar de reivindicar unha recuperación da nosa Romaría. Porque os elementos que definen a nosa identidade non podemos deixalos perder.

Muxiáns, non deixedes perder a nosa festa, hai que recuperala, porque é nosa e porque é de todos os que veñen disfrutala. E o primeiro que hai que facer é non renderse, saír á rúa a disfrutala para non dala sen pelexar por ela. Coma estas familias que veñen ano tras ano con tódolos cachivaches para instalarse no campo, e non deixan de vir por muito que cambiara a festa; porque a deles non cambiou, a festa que viven eles é a mesma, porque é a que fan eles mesmos, e fana coma eles queren.

Dende o Proxecto Buserana chamamos ás autoridades, comisión de festa, e tódalas persoas que queren a Muxía para que non deixemos estragar a festa, hai que recuperar a romaría, conservar o que fui e sigue sendo, porque baixo toda a voráxine que é a festa , a romaría sigue aí existindo en algún lugar dos múltiples que ten a Barca. A Romaría resístese a desaparecer , hai que botarlle unha man e non deixar que a afoguen.

Deixámosvos esta foto de Rivadulla Porta, unha foto de mozos de Muxía – e un par deles de fóra-  vestidos de cabezudos, unha das tradicións máis bonitas da festa para que soñedes coa Barca que vos gustaría que fora , ou coa que fui , ou coa que é… Pero non deixemos de soñar e querer á Barca.