PAZOS DE MEREXO: PREMIO MARÍA AMELIA 2015

No Proxecto Buserana estamos moi contentos. Todos os muxiáns e a xente que amamos a música estamos contentos. Porque un home bo e xeneroso foi recoñecido no seu municipio : O Concello de Muxía concedeu o Premio María Amelia 2015 a José Manuel Pazos, “Pazos de Merexo”

Pazos de Merexo na entrega do Premiop María Amelia. Foto de Angel Manuel Castro

Pazos de Merexo na entrega do Premiop María Amelia. Foto de Angel Manuel Castro

“Polo seu traballo a prol da música tradicional galega, gardando e transmitindo ás xeracións valores como o amor á música e ás  nosas tradicións,levando con dignidade o nome de Merexo xunto ao seu propio e constituindo el mesmo un tesouro vivo que enriquece coa súa arte o patrimonio inmaterial de Galicia e especialmente da Costa da Morte”, así consta no texto do diploma que o Alcalde Félix Porto   entregou a Pazos, xunto coa estatuilla do Premio

Pero a cousa non queda aí. Temos que celebrar, ademais un acontecemento importantísimo para a música galega, e especialmente para Muxía, como é a edición do libro-cd “Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte” , dos autores Xurxo Souto e Pedro Pascual ,  e que constitúe unha cuidada e rigurosa monografía que publica o Concello de Muxía e a colección Chave Mestra, ( dirixida por Ramón Pinheiro Almuinha) a iniciativa de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, acompañada dun Cd sobre Pazos de Merexo, o decano e principal referente desta modalidade de acordeón para as novas xeracións .

O acto de presentación do libro e entrega do Premio María Amelia tivo lugar este domingo, 12 de abril de 2015 e foi un acto moi emotivo e entrañábel do que disfrutamos moitos veciños e veciñas e tamén quen quixo achegarse dende diferentes lugares de Galicia.

capa do libro

capa do libro

PAZOS DE MEREXO, O ACORDEÓN DIATÓNICO DA COSTA DA MORTE recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galiza. O libro conta con abundante documentación gráfica, e unha cuidada presentación, e se presenta ademais cun Cd no que podemos escoitar en versión orixinal unha selección de gravación inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz. Ademais inclue unha selección das aparicións de Pazos de Merexo en programas de TVG como Alalá –no que aparece acompañado polo acodeonista Brais Maceiras- ou Luar. Tamén a súa recente colaboración con Kepa Junkera recollida no doble disco Galiza con o que o vasco homenaxeou a música galega.

Xurxo Souto e Pedro Pascual, os dous autores do libro, son profundos coñecedores da dimensión musical de Pazos e do que supón no contexto da Música Popular Galega como un referente único e inescusábel para as novas xeración de músicos e afeizoados. Ambos teñen compartido inúmeras horas con Pazos tanto en Merexo como en distintos pontos de Galiza e teñen sido destacados divulgadores entre músicos e público tanto da sua figura como do seu repertório e técnica interpretativa.