A benvida ao Proxecto Buserana

O Proxecto Buserana levase a cabo dende o Departamento de Cultura do Concello de Muxía, xa hai tempo que comezamos a traballar nel, pero a cousa vai moi lenta porque contamos con poucos recursos para sacalo adiante. Necesitamos sobre todo a colaboración veciñal.

Praia das Lanchas

Tamén é certo que non é un proxecto que se visualice de forma illada, senón que é algo que vai envolvendo toda a actividade que facemos, por iso non aparecen actividades anunciadas como tal Proxecto Buserana, pero si que o compromiso con este proxecto vai guiando as actividades que programamos . Pero,

QUE É O PROXECTO BUSERANA ?

O proceso de destrucción do mundo rural fai xurdir a necesidade de salvagarda e posta en valor daqueles elementos que definen a nosa cultura, é decir aqueles elementos, usos e costumes que nos fan ser quen somos .

Caixa de sargos. Fotografía de Iago Toba Campaña

Atendendo a esta necesidade, o Concello de Muxía pon en marcha o Proxecto Buserana para a realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de Muxía.

Entendemos por Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos asociados a esas prácticas- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.

O Obxectivo é definirnos como comunidade, definir a nosa cultura a través daqueles rasgos que nos fan ser quen somos . Para elo utilizaremos a memoria colectiva e as lembranzas e coñecementos de cada un.

Barquiño de lata e nasa. Fotografía de Viki Rivadulla

Buscamos dinamizar á veciñanza , facer participar a todos os vecinos e veciñas porque este é un proxecto que é de todos/as e que imos facer entre todos/as.

COMO SE VAI LEVAR A CABO O PROXECTO BUSERANA?

É necesaria a colaboración de todos/as.

Nunha primeira fase temos que recopilar os elementos importantes do noso PCI e para elo pediremos aos vecinos e veciñas que nos envíen todo aquelo que crean importante : fotos, descricións , comentarios, recordos, chistes ,adiviñas, cancións etc…

Tamén poden chamarnos por teléfono ou pasar polo concello para contarnos o que queiran apuntar no inventario, asi facilitaremos as cousas a quen non teña acceso ás novas tecnoloxías.

QUE COUSAS PODEMOS ENVIAR PARA O PROXECTO BUSERANA?

Todo o que nos pareza que forma parte do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.

Asando sardiña. Fotografía de Iago Toba Campaña

Por exemplo, describir un oficio tradicional, a foto dun lugar e a lenda que o acompaña, falarnos das palilladas, de como se cura o congro, de como se pescaba ao boliche, …enviarnos un vídeo do baile que fan os mozos de Quintáns na súa festa, palabras que pertencen ao vocabulario muxián,…os nomes das pedras, os nomes das furnas, palabras relacionadas co labor da terra… falarnos de quen era alguna persoa que foi importante no noso concello, un regueifeiro/a, un mariñeiro/a, un percebeiro/a, un mestre/a, unha sabia ….enviarnos a gravación dalgunha canción de Muxía….falarnos de a que se xogaba de pequeno e de como se construían os xoguetes…como se constrúe unha nasa , como se arma una cesta… envíarnos fotos de quen o fai….

…E os nosos doces? Que comemos os muxiáns nas festas? E como se cociñan estas cousas?….

As nosas festas ,como son? que elementos desapareceron ? que novos usos xurdiron e cales son as cousas fundamentais que definen a Barca e que non mudaron?…..E os olores….a que arrecende Muxía? Que olores son característicos aquí? Que olores e sons nos traen lembranzas de algo fundamental do noso municipio? ……Os sons tamén son parte do PCI, por exemplo o son da traca da Barca, o son da Pedra cando abala, o son do mar embravecido, o son da buguina ….quen teña gravacións desto pode enviarnolas…. Ou simplemente vir falar con nós e contarnos de viva voz algo que cre que forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial.

Traca o Domingo da Barca. Fotografía de Iago Toba Campaña

En fin, trátase de reflexionar e falar sobre nós mesmos tal e como facemos moitas veces en conversa de bar ou na casa só que agora imos tomar nota de todo

Podes enviarnos todo que queiras e no formato que mellor che conveña

temos un enderezo electrónico que é proxectobuserana@gmail.com

QUE FAREMOS CON TODO ISTO?

Gustaríanos elaborar un inventario clasificando o material recibido . Gustaríanos, tamén, elaborar un mapa de microtopónimos e un vocabulario muxián.

Logo, a partir dos materiais poden facerse mostras e actividades nas que todos/as poderemos disfrutar deses elementos que van conformando a nosa cultura, a nosa forma de estar no mundo e que nos fan ser quen somos. Co aliciente engadido de que será algo no que participamos todos/ as dun ou doutro xeito.

O obxectivo final é plasmar toda esta riqueza en actividades ou mostras ; o ideal sería que co tempo se puidera ter nunha mostra permanente ou un MUSEO DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DE MUXÍA, e sobre todo poñer en valor e reactivar os elementos do noso PCI para que sigan vixentes e se conserven para xeneracións futuras.

3 reflexións sobre “A benvida ao Proxecto Buserana

  1. Pingback: As crebas » Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»

  2. Ola. Quérovos dar os meus parabéns, á tan merecida iniciativa que levastes a cabo, pois nos tempos que nos están a tocar vivir, ten, dende o meu ponto de vista persoal, un mérito se cabe meirande apostar por preservar e difundir algo, que termos ó noso carón, pero que ás veces non somos quenes de apreciar; o noso patrimonio cultural e etnográfico. Moitísima sorte co voso proxecto que comeza a da-los seus froitos, (só hai que ver ós actos culturais que se están a desenrolar en Muxía e as inquedanzas que está a espertar o voso pasado e presente cultural) e a ver se sodes capaces de abri-lo público o museo de Ramón Caamaño, entre outras teimas que tendes en mente. Unha forte aperta e moito ánimo.

Os comentarios están pechados.