PREGÓN DO VIII MERCADO DAS RUTAS DO MAR , POR JULIA HAZ BARRIENTOS

Pregón de Julia

Pregón de Julia

Pa empesar quero ajradeserlle ao Sr. Alcalde e á corporación municipal de Muxía que me invitaran pa dar o prejón este ano do Mercado das Rutas do Mar.

Cando Félix me chamou pasen da sorpresa ó pánico. Pánico de non saber que disir, pero Félix doume a clave cando me dixo: “Eres de Muxía e traballas no mar”.

Pois ben, como muller que son e mariscadora , vou a permitirme dedicarlle este prejón ás mulleres do mar. As mulleres que detrás dos homes quedaban na casa e si lle prejuntabas a aljien disian: “ A miña muller non traballa”.

Resulta que o día antes de que os homes fosen po mar xa tiñan varios traballos que faser:

Pa empesar , había que preparar a carnada, lañar a xarda e salala nos barreños, ter as caixas de madeira nas que se poñía o pescado frejadas e relusientes, estas lavánase nas posas que deixaba o mar, estaban limpas coma corales.

Despois había que faser o sesto, o sesto era de mimbre e serraba cun fecho, había que ir a do “Pardelo”, e comprar costilletas de cucho pa que os homes fixesen de comer no barco, e claro… o cucho non era todo costilletas, xa ibas con medo, cando desías costilleta o “ Pardelo” baixaba todos os santos a terra. Entre as sete e as uito da tarde á casa das de “Visita”, a compara fruta e fiambre, dúas irmáns que aínda hoxe non sei cal é Paca e cal é Sara.

O día de ir po mar en Muxía, ás dúas, tres ou catro da mañán en todas as casas estaban as luses encendidas. Levantábanse pa ir po mar os homes e as mulleres pa faser o almorso e poñerlle todo o que se comprara o día antes no sesto.

Marchaban os homes po mar, de alí a pouco tempo estaba na cama e xa escoitaba a radio, pero non para escoitar os cuarenta prinsipales,  escoitabamos os homes falar pola telefonía. Enterabaste e vivías o que pasaba no mar, solo faltaba estar alí con eles.

Cando había problemas as mulleres vivían con angustia e sin poder faser nada, cando lles collía o mal tempo no mar apretabase o corazón hasta que vías que chejaban todos. Cando pasaba o peor todos vivíamos a desjrasia.

Ao salir de pescar avisaban pola radio: “Vamos indo!”. Lojo : “Estamos chejando”, e as mulleres pendientes pa ter a comida recién feita pa os seus homes do mar.

Tamén había que levar o pescado á loja da Coruña, marchaban as mulleres as sinco da mañán no camión de Rivadulla, apiñadas como sardiñas, e chegaban as sete da tarde despois de deixar paquetes por todo o camino.

As mulleres tamén eran a gestoría, arreglaban todo o papeleo que fixera falta e tamén majaban os cartos.

Quero nombrar a aljunhas delas que xa non están e outras que aínda viven, e é una pena que non recollamos as súas experiensias pa que víramos como era non fai moito o mundo das mulleres dos homes do mar.

A miña abuela María de Francisquiño, Ñuca, Equilina, as de Mariana, Luisa do Gorrión, etc. E Carmen de Soneira que é una das que aínda viven.

Tamén quería mencionar á miña abuela Chorentana e tamén a Carmen da Valenta, que eran pescaderías ambulantes co burro vendendo pescado polas aldeas.

Non me dijades que estas mulleres non eran verdadeiras lobas do mar!!!

Hoxe en día, as mulleres do mar temos o noso traballo reconosido, as persebeiras, as mariscadoras e as redeiras, temos os nosos dereitos e aínda que queda moito pos faser, vamos avansando.

Espero que este prejón sea un pequeño homenaje ás mulleres dos homes do mar.

Todo esto estaba ben, pero ao mesmo tempo limpiaban as casas,  fasían de comer pa os que quedaban e coljaban a roupa, que non salía da lavadora…sinon que de verán non había auja no río de Muxía e iban lavar á embarrada que está cerca de Lourido, ás Fraguas, cerca de Moraime e ó río de Os Muíños, cas bañeiras de roupa na cabeza, hasta que se fixo un carriño con dúas rodas.

Criaban os fillos e atendías os homes. Esto era non traballar.

O triste é que estas mulleres ( que non traballaban), non estaban en ningún régimen da Sejuridade Sosial (non traballaban no mar, e o da casa non era traballo)

Cando aljunha quedaba viuda, quedaba na miseria e pasaba mil calamidades.

E ahora vamos a falar do que nos trae aquí, que é o Mercado das Rutas do Mar, una festa que podo desirvos que non hai outra igual, e hai moitas…Eu estón nos Grupos de Acción Costeira, e cando aljén fala de faser una festa mariñeira, eu dijo: “ Ide a Muxía, ide mirar como se fai una festa do mar ben feita”.

Pero claro, poden vir e mirar, pero aljo que nunca se pode copiar é o espíritu Muxián que cando hai aljo que nos justa e aljo ben feito remamos todos a unha.

En esta festa podese ver desde os máis maiores aos máis pequenos, e vese que están disfrutando.

Que aserto tuvo esta corporación edo seu alcalde Félix ao frente en faser esta fermosa festa.

Disfrutade todos da festa e pasádeo ben.

mulleres de Muxía, lavando as caixas na ribeira. Fotografía de Rivadulla  Porta

mulleres de Muxía, lavando as caixas na ribeira. Fotografía de Rivadulla Porta

 

A RIBEIRA DE MUXÍA

Fotografía de Iago Toba Campaña

Chega o verán e o porto de Muxía énchese de xente. Turistas e peregrinos que pasean pola ribeira. A ribeira é o lugar máis frecuentado da vila.

Esta é a nosa ribeira, onde se fala de mar, báñanse os nenos , paséase. ..

Pero a ribeira nosa xa non é como era. Muxía estaba rodeada de praia. Antes, calquera que sentara no petril tiña aos seus pés unha praia onde varaban os barcos e xogaban os nenos (agora só queda un anaquiño pequeno). As casas estaban construidas sobre o mar, sobre a praia, agora sepultada polo paseo marítimo.Os barcos descargaban na rambleta e viase trafego constante : ir e vir mariñeiros con caixas, mulleres cos cestos, gamelas que subían ata a calzada. Agora para ver descargar un barco hai que ir ata o porto, tras os paredóns.

Foto de Iago Toba Campaña

Os turistas que sentan nas terrazas non teñen aquel sentimento de estar nunha vila mariñeira porque non ven ese trafegar do traballo que antes enchía a ribeira. Tan só ao lonxe , dende as terrazas, vese pasar un grupo de homes con bolsos cara a casa. E,quen son? Muita xente non sabe que son os mariñeiros que aguantaron sempre da vida nesta vila.

Antes o traballo do mar inundaba todo; os que estaban de vacacións sentados nunha terraza tiñan de lado uns homes levando peixe á nevera.Os que paseaban polo peirao vían unha lonxa chea de vida e peixe, e unhas casetas do porto que eran unha fermosura… e “o mintireiro” dos vellos xunto a elas.

foto da ribeira de José Enrique Rivadulla Porta

A fisonomía da vila cambiou. Pero non é só unha cuestión estética ou nostálxica. É que o modo de vida está cambiando. Apenas hai barcos. O desguace rematou con muitos deles. Hai homes en terra que non teñen embarque.Iso antes era imposible, cunha flota ,nos anos 80 ,que tiña arredor de 50 embarcacións, dun tamaño considerable.É a desfeita da política pequeira que se está a facer. As consecuencias son palpables.

E os mariñeiros sen embarcacións son coma aves mariñas en terra,andan avoiados. Sempre mirando ó mar.

foto de J. E. Rivadulla Porta

Para os que vivimos aquel Muxía no que todo arrecendía a mar, este cambio físico e social na nosa vila provoca un sentimento de saudade, do que ás veces, nen siquera somos conscientes. Pero cando vemos fotografías coma estas si que lembramos que hai algo lastimando a nosa alma. O sentimento de perda dunha identidade que esvara entre os dedos, que escapa.

Con todo, Muxía segue a ser fermosa. Porque a súa esencia segue aí , baixo todo o construído agroma esa forza mariñeira que quere sair.Porque a nosa cultura e esta natureza teñen unha forza inmensa…

A vila está construida nun lugar no que parece imposible que se asentara un pobo. Unha pequeña língua de terra, a ras do mar, azoutada persistentemente polo nordés .Mesmo parecera que os que aquí se asentaron quixeran vivir dentro do mar, no lugar que máis se adentra cara a el, nesta península que case é máis mar ca terra.( Seguro que lembrades cando o mar atravesaba a vila de banda a banda nas fortes vagas).

Foto de J.E.Rivadulla Porta

Pero por muito que Muxía cambiou, a súa esencia ten que seguir sendo a dunha vila mariñeira. Temos que ser quen de conservar a nosa identidade. A identidade mariñeira da que estamos orgullosos. Non hai máis que ver como a festexamos na Festa das Rutas do Mar! Probablemente o éxito desta festa sexa que festexamos algo que sentimos mui adentro, algo que forma parte de nós, esta cultura mariñeira que nos define. A Muxía mariñeira non ten que ser unha escenografía puntual, ten que seguir sendo algo real. E para elo hai que lembrar, e hai que poñer en valor os elementos que nos definen, implicándonos todos, dende os centros educativos ao Concello, dende a hostelería e restauración ata as asociacións e comisións de festas…

Conservemos as nosas raíces mariñeiras transmitindo aos nosos fillos o orgullo do noso, o orgullo pertencer á  tribo mariñeira da Costa da Morte

Foto de J. E. Rivadulla Porta

A LEMBRANZA DO “CINE MUGÍA”

Os donos do cine en foto cedida pola súa neta, Tata .

En Muxía hai moitas cousas que xa non están físicamente, pero que continúan na memoria dos muxiáns formando parte das vidas de cada un de nós. Así é a lembranza do Cine Mugía, ou o Cine de Engracia, aquel cine no que un mariñeiro, Marcelino o Pulga , facía as proxecións logo de vir de verse con peixes e polbos.

Nese cine medraron moitos nenos de Muxía. Algún, coma Rolando, leva un nome que saiu dunha película que viron os seus pais,”Rolando el Bueno”. Esto exprica de onde viña un nome que non tiña tradición nas familias de Muxía.

Nese cine xogamos, fantaseamos, bicamos, berramos,espadeamos, chuspimos,… fomos indios, romanos ou vikingos. Era unha nave para os soños de rapaces que tiñan coma mellor xoguete a propia fantasía. Ir cos amigos a ver as carteleiras e adiviñar naquelas fotos coloreadas a maxia da historia que iamos ver logo…

Entrar na sala escura e comezar a bulir por dentro. Os berros e silbidos cando había bicos en pantalla…e os cortaban!. As batallas no descanso…O sabor das pipas , esquivar os proxectís que viñan do ghaliñeiro….

E cando se averiaba a máquina, entón comezaba a outra película: a nosa. Saían indios e vaqueiros de debaixo das butacas , entre o pataleo e os berros.

Manolo de Elvira e Joseito, diante das carteleiras de "El último mohicano". Foto de 1967 cedida por Rolando Barrientos

Tamén houbo épocas nas que se facía baile. Un lugar máxico para socializar e atoparse cos amigos.

Hoxe o amigo Plácido Luaces Vila traenos estas fotografías que xa son do momento de decadencia do cine, cando ía ser derruido. Pero seguro que véndoas moitos muxiáns lembrarán momentos máxicos neste territorio tamén máxico que foi o noso cine.

Unha lembranza especial dende o Proxecto Buserana para Marcelino, o Pulga, para Engracia e toda a familia Pérez Vila.

Grazas Plácido, por enviarnos estas lembranzas e a Charo Ramón ,outra namorada de Muxía, que fixo de enlace para facérnolas chegar.

Disfrutade das fotos e soñade co último mohicano….

As butacas

O ghaliñeiro

Entrada á Sala de butacas

 

 

 

BUSERANA, UNHA REVISTA DA MOCIDADE MUXIÁ

Recorte de prensa El Ideal Gallego, 12.09.1980

Hai cousas que conforman o noso ser , que forman parte de nós da forma máis íntima posible, están no noso ADN, son parte de nós mesmos. Esta Buserana que hoxe desenvolvemos en forma de Proxecto andaba a bulir xa por aí en forma de revista da mocidade muxiá no ano 1980. Ou polo menos o mesmo alento que nos move andaba xa movendo unha mocidade inqueda. Un grupo de mozos de Muxía fixeron no ano 80 a revista Buserana, na que querían verter as súas inquedanzas culturais e contribuir a facer de Muxía un lugar mellor.

O grupo estaba formado por Ramón Soneira, Suso Sambade, Corcón, Xusto López Carril , Javer Allo e Viki Rivadulla ( de quen é a portada da revista que aparece no recorte de prensa). Algo andaba a removerse naquela xeneración.

E hoxe, moitos anos despois, seguimos soñando cun Muxía que conserve o seu patrimonio, que o valore e que poida sobrevivir sen perder a súa identidade . Somos diferentes daqueles mozos de 16 ou 18 anos?

A aspiración segue a ser a mesma: o traballo a prol do Muxía que tanto queremos. O mesmo amor animaba esa revista de adolescentes dos anos 80 e este Proxecto Buserana que hoxe enche este blog.

Muxía, sempre como traballo a facer día a día.

A MEMORIA COLECTIVA DE MUXÍA

Xusto e Pancho, 2 de xuño de 1967. Foto cedida por Xusto Benlloch

Xusto e Pancho, 2 de xuño de 1967. Foto cedida por Xusto Benlloch

Esta foto xa está hai tempo nas nosas galerías e xa a sacáramos nun artigo hai un tempo. Pero hoxe traémola de novo, como lembranza de quen xa non está.

Na lembranza , estes dous nenos que carrexan congro e que forman parte das nosas vidas. A vida de Muxía , a memoria colectiva que forma o noso ser como pobo está construida coma unha rede que se tece coas vidas de tódolos muxiáns; e  cada fío da rede, cada nó , é imprescindible para tecer as nosas vidas.Cada muxián é imprescindible.

E estes dous nenos, felices carrexando o congro,tamén son imprescindibles para construiren e contar a memoria do noso pobo.

 

 

NOVAS FOTOGRAFÍAS PARA O NOSO ARQUIVO

Seguen chegando imaxes ao noso arquivo. Recentemente recibimos unhas cantas que envia José María Barrientos Rey, ao que agradecemos muito a súa colaboración coa cesión destas imaxes.

Deixamos unha delas especialmente bonita pola cantidade de xente que sae nela. Un grupo de persoas na ribeira rodean a unha tartaruga recén capturada.Seguro que atopades muitos rostros coñecidos.

Fotografía cedida por José Mª Barrientos Rey

RETABRO DA BARCA

O espléndido retablo barroco, obra do escultor Miguel de Romay, foi destruido completamente polo lume, no incendio que se declarou no Santuario, a causa dun raio, o 25 de decembro de 2013.

O retabro da Barca formaba parte do mapa das vidas dos muxiáns. É unha perda importantísima que non vai poder ser recuperada.

Queremos lembralo dende o Proxecto Buserana co poema que lle dedicou o noso poeta , Gonzalo López Abente:

RETABRO DA BARCA

                                A Miguel Romay, escultor santiagués

                                              autor deste magnífico retabro.

 

Lostregaron no souto escentileos

do aceirado sorrir da ferramenta.

Suspenso e trepezal o bosco alenta

e o xenio creador baixa dos ceos.

 

Renxer de serras, machadazos crúos,

toradas a rolar polas encostas,

as mans do artista a traballar dispostas

e os portentos en pé, ceibos e múos.

 

Castiñeiros do monte esnaquizados

en pezas ben miudas, ao Obradoiro

fóstedes polo boi marelo ou loiro

nos carros cantareiros carrexados.

 

E bebe a inspiración do seu poema

o poeta cantor en Compostela.

¡Pregaria a revoar na gran capela

en onde a Virxe nunha barca rema!

 

O sol, no lenzo azul, da a derradeira

pincelada de ensoño, e a pregar

cai de xoellos, devoto, na fogueira

onde se beixan o alto ceu e o mar.

 

As vagas de cristal rompen na orela

lixando o espazo nu de húmeda bruma,

e ao estreitaren de bruzos a capela

vese o milagre buligar na escuma.

 

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camarín abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

 

O retrabo de pé no Santuario

deixa o castaño, e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

                             Gonzalo López Abente    (1959)

O Santuario da Barca durante a novena, co retablo ao fondo . Fotografía de Iago Toba Campaña

MIÑA TERRA, de Xesús Búa

 

cartel da mostra

Durante estes días podemos disfrutar , en Muxía, ( no edificio de Servizos Múltiples da Camposa) da mostra de fotografía de Xesús Búa ” Miña Terra” , un fermoso percorrido en imaxes pola nosa terra e a nosa xente. Paga a pena achegarse a vela.

Búa presenta unha colección de fotografías en branco e negro nas que podemos atopar costumes, lugares, persoas… da nosa terra, imaxes que contan historias sobre quen somos e como somos.

A gama de grises das fotografías son todo un acerto , permitindo que nada nos distraia da historia que se nos está a contar, da forza narrativa da imaxe.

Son fotografías feitas dende o corazón por unha persoa que coñece a quen fotografía, pois forma parte do mesmo mundo.Aquí o fotógrafo non é un reporteiro recollendo imaxes dun lugar que chama a súa atención e que quere coñecer, senón que está contando en imaxes como é a Costa da Morte coa voz de alguén que forma parte dela.

Así, Xesús móstrase cómplice cos rostros que o miran dende o outro lado do obxectivo decindolle e decíndonos a cada un de nós Si… ti sabes…, porque están a contar a nosa mesma historia

.É un pracer percorrer a mostra- seguro que o faredes cun sorriso- recoñecendo parte de nós mesmos,do noso mundo e dos nosos recordos, en cada imaxe.

.A mostra foi inaugurada cun texto de Xesús Sambade que podedes ler pinchando aquí:Miña Terra. texto de Xesús Sambade


inauguración

 

PROPOÑEMOS UN XOGO…

Foto cedida por Justo Benlloch Diz

Chega o Nadal , un tempo de vacacións para os rapaces e rapazas que andan xa pensando nos agasallos dos Reis e nas lambetadas de Nadal.

Hoxe vivimos un tempo de crise no que o Nadal vai ser duro en moitas familias que non terán para poñer unha mesa de festa nin para regalos, e non queremos esquecer isto no Proxecto Buserana.

Pero hoxe queremos lembrar aos nenos doutro tempo, aos que foron nenos hai uns cantos anos…aos que saen na foto que nos cede Xusto Benlloch. Eses nenos que xogaban cos barquiños de lata, ou construian pequenas cabrias para golgar os lorchos a secar, coma se foran congros. E logo transportalos cos camións de xoguete. Eran tempos nos que o que non tiña xoguetes axilizaba a imaxinación para construilos.

Como estamos en tempo de Nadal , propóñovos que sexamos un pouco nenos e que lembremos con que xoguetes xogabamos canda nenos. Enviádenos esas historias sobre os xoguetes que construiades ou os xoguetes que desexabades ter e que nunca chegaron, ou os que si chegaron e que non podedes esquecer por tantas horas compartidas con el. Contádenos a que xogábades canda nenos. Enviade as historias a : proxectobuserana@gmail.com

ou enviádeas como comentario a esta entrada.

E un segundo xogo: coñecedes aos que están na foto? enviádenos os nomes que coñezades