Gastronomía

 

OS DOCES DE MUXÍA

Publicado o 3 de Marzo de 2013
En Muxía hai uns doces típicos que se facían polas festas , no forno ( ver artigo sobre o forno, no apartado Inicio do blog) e nas casas. Na actualidade seguen facéndose. Imos achegarvos as receitas de estes doces tal e como nolas envía a Panadería O Jurés e tamén a Torta de Améndoa en receita de Fina Caamaño;cantas tartas fixeron aquelas mans! A receita de Fina envióunola Charo Ramón, e coa memoria de Fina queremos homenaxear a tódalas mulleres que nos trasmitiron estas receitas de xeneración en xeneración.

RECEITAS DE O JURÉS:

TARTA DE AMÉNDOAS

Ingredientes: ovos , azucre ,lévedo en pó, limón, améndoa moída e coñac.

Batemos todo xunto , menos a améndoa e o coñac que se engadirán ao final. Verquemos a mestura nun molde previamente  untado con manteiga. Cócese a 200º durante  60 minutos

BISCOITO («BIZCOCHÓN»)

 Ingredientes: ovos, anís, limón , lévedo en pó, azucre, fariña

 Batemos todo xunto menos a fariña que engadiremos ao final.Botamos a mestura  en moldes previamente untados con manteiga. Cócese a 200º durante  60 minutos

PAN DE OVO

Ingredientes: ovos, fariña, anís, azucre,manteiga de porco ou vaca según gusto, limón e lévedo

Amasar todo xunto ata obter unha pasta non moi blanda , deixamos fermentar en bloque unhas catro horas e dáselle forma trenza, roscón ou bolo.Cócese a 200º durante  15 minutos

BUDÍN:

Ingredientes: pan ( adoitase facer nas casas para aproveitar o pan reseso), leite, azucre, ovos, anís , figos secos e pasas ( nota nosa: hai quen aromatiza con cominos e dalle un sabor moi bo)

Ponse o pan a remollo no leite ata que estea blando, e logo engadimos o resto dos ingredientes e mesturamos todo.  Verqueremos a mestura en moldes previamente untados con manteiga. Cócese a 200º durante  60 minutos

TARTA DE AMÉNDOA DE FINA CAAMAÑO

Ingredientes:: 9 ovos, 1/2 quilo  améndoaa  moida, 1/2 quilo  azucre,1 Chorro  de  Coñac, raiadura dun limón.

Bater a man os ovos e engadimos o azucre e a raiadura de limón ; seguimos batendo  ata que faga rosca; a continuación, engadimos a améndoa moida e o coñac , removemos e cando estea todo ben mesturado pasámolo a un molde con papel graso. Introducimos no forno a 170º durante trinta minutos( os 10 últimos  tapámola por riba con papel de aluminio)   dependendo do tipo de forno. Facemos a comprobación metendo un palillo  e, se sae seco, sacamos do forno, deixamos repousar durante cinco minutos e a continuación desmoldamos. Adornamos con azucre glas e unhas froitas. Deixar enfriar e lista para comer.

OBRADOIROS DE DOCES NO ANTROIDO

No Antroido sempre facemos obradoiros de doces tradicionais cos nenos e nenas. Teñen moito éxito. Os rapaces aprenden a preparar orellas e roscas de anís e así promovemos o consumo e disfrute dos doces típicos do Antroido, cociñados na casa e moito máis saudables que os doces envasados que podemos mercar.

obradoiro de orellas e roscas de anís

Neste sitio iremos engadindo información e receitas sobre os doces e outros pratos que adoitamos cociñar en Muxía.