Lendas

En Muxía consérvanse lendas que están ligadas a lugares da nosa costa . Como a LENDA DA BUSERANA, (á que xa lle dedicamos unha páxina do blog , por dar nome ao noso proxecto, podedes lela no seu apartado), as lendas das pedras da Barca, a Sala do Perello, etc…

Neste apartado imos ir contando estas lendas muxiás.

A LENDA DA VIRXE DA BARCA

Recollemos aquí a versión da lenda que conta o historiador José Enrique Rivadulla Porta no seu libro Santuario de Ntra. Sra. De la Barca ( 1974) e que o historiador Xan Fernández Carrera recolle na súa publicación A Romaría da Barca ( 2007):

“ Durante as predicacións do Apóstolo pola comarca Ártabra, despois de que por medio da súa intercesión a cidade de Duio quedara asolagada, desaparecendo todos os seus habitantes, como castigo por desoir as palabras do Apóstolo e rendir culto ao Sol, retirouse á solitaria comarca de Muxía e alí, na Punta de Xaviña, parouse para orar e suplicar ao Señor que os pobos cesaran na hostilidade con que acollían a súa predicación.

De súpeto o Apóstolo contempla unha barca misteriosa que se achega á beira e nela a Santísima Virxe, radiante de fermosura e maxestade. A Virxe alenta ao Apóstolo e comunícalle o éxito das súas predicacións en Galicia, ordenándolle o regreso a Xerusalén, pois a súa misión na nosa terra fora cumprida.

A embarcación na que chegou a Virxe á Punta de Xaviña era de pedra, o mesmo que a vela e o temón, e alí se atopaban entre o resto das rochas. A barca chamábase  “A Pedra de Abalar”, e a vela “A Pedra dos Cadrís”. Conta a tradición que a Virxe deulle ao Apóstolo, como mostra de amor, unha imaxe súa, a quen Santiago levantou un altar baixo as rochas”

No libro aludido de Xan Fernández poden atoparse outras versións da Lenda da Virxe da Barca, se ben todas coinciden en sinalar as Pedras da Barca como os restos da nave da Virxe.

   A LENDA DA SALA DO PERELLO

A lenda di que na Sala do Perello vivía un xastre. Non conservamos máis elementos da lenda; pero o propio lugar é un lugar moi especial, que nos fai comprender que estivera ligado a todo tipo de fabulacións.

A Sala do Perello nuha fotografía de Viki Berre

A Sala do Perello é una Pedra que  está na costa de Muxía, moi perto do Santuario da Barca. A mole granítica forma no seu interior una habitación de boas dimensións onde se pode entrar. Está nun lugar precioso e reúne unha serie de características que o fan un lugar especial. Por una banda é un lugar de lendas, tamén é un lugar que está xunto ao mar aberto e dende o que se ven as postas de sol máis fermosas de toda a costa. Sentarse xunto a Sala do Perello no solpor é una experiencia única.

É, ademais,  un lugar importante no Camiño, pois está no Camiño da Pel, o Camiño antigo polo que entraban os peregrinos ata o lugar sagrado da Barca. Entraban pola parte traseira da vila, polos Malatos ( monte cuio nome fai referencia aos enfermos; din que nese monte se enterraban os peregrinos que morrían na vila),  baixando pola Camposa , o Coído e a Pedriña e , indo polo Camiño da Pel, polo Monte Corpiño, chegaban á Barca.

No camino da Pel, xunto á Sala do Perello hai unha fonte, máis ben un baño, onde se lavaban os peregrinos e enfermos antes de entrar no lugar sagrado, é a Fonte da Pel (o nome dío todo) . Foi mandada clausurar polo alcalde da vila no s.XIX, por medo aos contaxios. Pero una vaga de mar destapouna e deixouna como está na actualidade.

Fonte da Pel. Fotografía de Viki Rivadulla

A Sala do Perello ten un atractivo especial por todo o seu contorno físico, e tamén polas lendas que se asociaban a el. Foi un lugar prohibido, polas connotacións  malignas (un perello é un demo ou un trasno) , pode que o nome quixera alonxar aos vecinos dun lugar frecuentado polos peregrinos e os enfermos e tamén dun lugar que se prestaba a prácticas sexuais, xa que a Sala do Perello , como xa dixemos, é unha mole granítica en cuio interior se forma una habitación ben agachada das miradas. Hai que ir ata a mesma entrada para decatarse de que alí hai un lugar onde se pode entrar na pedra.

A entrada da Sala do Perello. Fotografía de Viki Rivadulla

A forza da paisaxe neste lugar lugar é brutal. Pode sentirse a forza da Terra e do Mar. A forza das Pedras …o espectáculo é impresionante. Lendas, mar, un  lugar prohibido, unha habitación dentro da pedra, a costa, …é un lugar perfecto. Podemos imaxinar o que experimentaban os peregrinos cando chegaban a este lugar e se lavaban na Fonte da Pel, renovando o seu corpo e a súa alma fronte ao mar, fronte á morte diaria do Sol, preparándose para achegarse á Barca , buscando esperanza…