O Camiño

Fotografía de Gustavo González. 3º Premio no Maratón Fotográfico Ramón Caamaño, ano 2010

O Camiño é unha parte importantísima do patrimonio cultural inmaterial de Muxía. Dende os relatos dos peregrinos ata os topónimos ligados ( Alberguería, Os Malatos, Enfesto, etc…) …

Neste apartado iremos dando conta de todo aquelo que ineludiblemente une a Muxía co Camiño.

Mozos e mozas de Muxía diante do letreiro á entrada de Muxía, promocionando o Camiño, nos anos 60. Fotografía enviada por Mercedes Ramón.

*********************

“O Camiño é unha construción histórica, algo que se foi facendo ao longo do tempo coas pegadas de milleiros de peregrinos, algo que segue en construción. Pero este camiño de peregrinación atravesa un territorio, un espazo construído e habitado historicamente, un espazo social. E o camiño forma parte deste espazo, non é un ente illado, e ten que servir para mostrar e valorar o patrimonio, especialmente aquel menos monumental e máis ligado á vida cotiá; tamén para mostrar como somos e axudar a mellorar a calidade de vida alí por onde pasa”

Manuel Vilar Álvarez.  (El Camino al fin de la tierra. Editado pola Asociación de Cámaras                                                     de Comercio)

Fotografía de Eduardo Verdes. Premiada cun accésit no Maratón Fotográfico Ramón Caamaño 2010

MUXÍA NO CAMIÑO XACOBEO

 

JOSÉ ENRIQUE RIVADULLA PORTA: UN TRABALLO PIONEIRO

Hoxe en día temos moitos datos sobre o camiño xacobeo en Muxía, hai publicacións e na Costa da Morte gozamos ademáis dun nutrido grupo de historiadores e investigadores que coñecen e divulgan moi ben todo o patrimonio da zona.

A pesar disto a Costa da Morte foi durante moito tempo lugar moi esquecido e os traballos pioneiros para promocionar a zona teñen un valor inmenso. A pesares de existir documentación e libros que facían alusión á relación de Muxía co Camiño ( Rioboo y Seixas, Licenciado Molina, o Pai Villafañe, etc….) , era necesaria unha obra que tivera a vocación expresa de xuntar todos estes datos .

Se ben co paso do tempo puideronse actualizar datos e ampliar estudios, xa que a historia é unha ciencia dinámica, os primeiros estudios, eses que viron un potencial inmenso e abriron a loita pola posta en valor  do patrimonio da nosa supracomarca, teñen , como digo, un valor que non podemos deixar pasar por alto.

J. E. Rivadulla Porta (1930-1989) foi un investigador coruñés ( ainda que por azares da vida nacera en La Laguna) , pero totalmente ligado a Muxía pola súa muller , Flora Conde Fernández, que era muxiá, e tamén por unha enorme vocación muxiá e un compromiso total co noso municipio ( no seu epitafio, – que el deixou escrito- no cemiterio de Muxía, onde pediu ser soterrado, di: “ escritor, historiador , namorado das  pedras de Muxía” )

Rivadulla traballou nun momento no que había escasos medios – nen ordenador, nen cámaras dixitais, nen axudas da Administración, nen facilidade para publicar, escaso asociacionismo, etc…- e ademáis investigando sobre  unha zona secularmente deprimida e esquecida.

Ainda así Rivadulla desenvolveu un traballo importantísimo tanto de investigación en  arquivos (percorreu arquivos de todo o país e do estado, asiduo do arquivo do Reino de Galicia, gran amigo de Antonio Gil Merino, de Vales Villamarín, de Carlos Martínez Barbeito, Felipe Senén., Núñez Lendoiro, cos que colaborou para diversas publicacións..) como en  traballo de campo, fotografiando tódolos escudos das casas fidalgas, igrexas , cruceiros, cabazos e outros elementos do patrimonio local ( traballo semellante desenvolveu en Betanzos onde traballou co grupo Untia e o Seminario de Estudios Mariñáns , sendo moi recoñecido e facendo numerosas publicacións sobre Betanzos).

O seu material de traballo eran os seus cadernos de campo nos que tomaba notas e facía debuxos, e unha cámara fotográfica, -da que el mesmo revelaba as fotos-, ademáis do vello Seat 127, conducido pola súa muller e  que moitas veces tiñan que aparcar e ir andando aos lugares, ben porque as aldeas non eran accesibles por estrada coma hoxe, ou porque o coche quedara atrancado nalgunha corredoira .

José Enrique Rivadulla Porta tomando datos, probablemente facendo un debuxo dalgún elemento de interese

Rivadulla, ata a de agora o maior experto na  xenealoxía e heraldica de Muxía publicou numerosos artigos de divulgación do patrimonio muxián e reuniu unha grande cantidade de material que se conserva no seu arquivo persoal . Ao seu traballo de campo hai que engadir un importantísimo traballo de investigación en arquivos históricos e bibliotecas, e alén disto era experto na lectura paleográfica e ata el traian moitos documentos para transcribir.

Tamén hai que lembrar que foi Rivadulla Porta quen preparou o dossier documental para solicitar que a Romaría da Barca fora declarada de interese turístico nacional. Coa súa documentación fíxose a solicitude, sendo alcalde de Muxía Jesús María Barrientos Antelo; e hoxe os muxiáns podemos levar con orgullo este recoñecemento para a nosa Romaría.

Pero indo ao noso tema, Muxía no Camiño Xacobeo, temos que traer aquí unha publicación pioneira , a obra de Rivadulla Porta “ Santuario de Ntra. Sra. De la Barca.Notas históricas” publicado  en setembro de 1974, na Imprenta Comercial da rúa Pastor díaz da Coruña.

capa da publicación, de 1974

Este libro é unha xoia para os muxiáns, pois nel están xa os tódolos datos sobre o Santuario da Barca que hoxe se manexan en distintas publicacións . Rivadulla abre a obra falando das lendas das Pedras da Barca e da Virxe da Barca e logo presenta un capítulo fundamental , para o tema que nos ocupa, que se titula Muxía Ruta xacobea. Orixe das Peregrinacións.

Neste capítulo o autor se propón de forma explícita demostrar documentalmente a tradición xacobea e a chegada de peregrinos a Muxía dende tempos remotos. Hoxe en día nas publicacións que falan do camiño en Muxía segue facendose referencia ás mesmas fontes documentais que sacou á luz Rivadulla Porta, e se ben  non se adoita a citar o seu nome,- quizais porque xa son datos que están sobradamente divulgados e non se cita a orixe, – o seu legado está aí e o seu traballo é unha fonte da que irradian traballos  posteriores.

Indo ao que dí Rivadulla Porta no seu libro, como demostración do seu rigor citamos textualmente: ( e traducimos do castelán , pois ainda que Rivadulla foi unha persoa moi defensora da nosa lingua escribiu moito en castelán pois decía que non sabía escribir ben o galego- unha consecuencia da falta de normalización e normativización da nosa lingua naquel momento, pero máis adiante decidirase a escribir en galego_:

Para demostrar que a vila de Muxía e o Santuario da Barca era visitado polos peregrinos que viñan a Santiago deixaremos a un lado as lendas e remitirémonos á documentación da que dispoñemos e que presentaremos por orde cronolóxico” ( op. cit. ,Páx. 17)

DOCUMENTACIÓN DE FOROS E DOAZÓNS

A continuación Rivadulla saca á luz unha serie de documentos, indicando a súa procedencia que serán unha primeira demostración  da relación de Muxía co Camiño. Como un segundo elemento de demostración tamén sacará á luz relatos de peregrinos . A día de hoxe estas siguen a ser as dúas pricipais fontes ás que se lles bota man para demostrar a relación de Muxía co Camiño xacobeo., ademáis dos topónimos que fan referencia ao mesmo e que se atopan na nosa zona, e dos que tamén nos falará ( como son a Fonte e o Camiño da Pel, os Montes dos Malatos, a implantación do nome Camiño Francés na zona, etc…).

Continúo citando onde quedaramos, na relación de documentación ordeada cronolóxicamente, e Rivadulla escribe o seguinte:

1.- Ano de 1119. Doazón feita polo Rei Afonso VII ao Mosteiro de San Xulián de Moraime e ao seu Abede Ordonia, polo honrado servizo que en tempo de adolescencia e tempo de guerra o mesmo Ordoño  Abade do citado Mosteiro me prestou dilixentemente. ( O Rei Afonso VII, estivo agochado en Moraime por consello do Arzebispo Xelmirez e o seu Ayo o Conde de Traba, durante a incursión en Galicia de Afonso o Batallador) onde di entre outras cousas : Hac ego intentione et ratione hoc faciens, scilicet, ad restaurationen ipsius cenobii, quod nostris temporibus destructum est a Sarracenis, et ut proficiat ad victum et substentaionem monachorum pauperun et hospitum seu peregrinorum advenientum… ( E eu facendo isto pola mesma intención e razón, é decir para restauración do mesmo cenobio que no noso tempo foi destruido polos sarracenos, para que aproveite o mantemento e sustento dos monxes, dos pobres , dos hóspedes ou peregrinos que cheguen)  (nota: López Ferreiro- Apéndice T-3º- H. Dela S.I.De Santiago)

2.- Ano de 1595 . Foro feito polo Prior do Mosteiro de Moraime , anexo perpetuo do Señor San Beito el Real de Valladolid (….non reproducimos todo o documento que  si pode verse na obra referida) a Antonio Paz e Teresa Xuárez, (…) no que se di textualmente: “(…) afiando de alí ao muro da agra de Xurarantes e polo dito muro ata dar co rego de abaixo, ata dar na area de Lourido e de alí ao Camiño Francés que vai de Lourido para Xurarantes (…) 3 de decembro de 1595(…) (nota: Arquivo de Bujeiro, Leg.-184- Facilitado por Don Bernardino e Don Ernesto García, Industriais da vila de Muxía)”

3.- Año de 1596. – Foro do Mosteiro de Moraime- Frei Lorenzo de Ávila e Frei Bartolomé de Fresneña e Frei Baltasar de Orduña monxes conventuais (…non reproducimos completo o documento que aporta Rivadulla) (…)- e por razón de foro e aforamiento os montes seguintes que están xunto ao lugar dos pozos por terminos que comenzan do ( citamos textualmente)” dho monte nel Camino Francés junto al ayra dos posos que va para Mugia y por el camino real a topar los terminos del foro de Alberte Guerrete…12 de Enero de1596”. (Arquivo do autor, fotocopia)

4.- Pleito entre o Mosteiro de San Martin de Ozón e Gonzalo Núñez e consortes – Ano 1670. Entre o Memorial de Bens de dito Mosteiro, noméanse as partidas seguintes:

Partida 11.-( citamos textualmente:) El tarreo y vega que se dice de aguion con su arboleda según esta sita e inclusa en el Coto de Ozón que por la parte del nordes topa en el agra de Pedro Moyno y por la travesta en el Camino Francés que va de Cebráns para Fumiñeu.

Partida 24.- Otra tenza en la braña de fora junto a la fuente de los Lazadores. (A. R. G. Leg. 6500-34)

5.- Ano de 1719.- Bens do Marqués de Astorga, Conde de Altamira, na feligresía de San Mamede de Salgueiros (…)Continúa máis adiante o documento, que non reproducimos completo: (…) por dita parede ata dar no camiño que vai do lugar de Senra  para o de Trasufre e oitras partes, dividíndoo dita parede do dito lugar de Senra e por dito camiño ata dar no Camiño Francés e por dito camiño abaixo ata o río da Pontella da Serpe (…)

6.- Ano de 1606. Carta  e provisión real de Don Luís Carrillo de Toledo, Conde de Carazenas e Capitán Xeral no Reino de Galicia ao meiriño do Coto de Moraime, Bartolomé do Sisto polo cobro de luctuosas aos Romeiros que morrían en terras do Mosteiro de Moraime ( e o autor remite ao apéndice documental,  que presenta ao final do libro e que reproduce os textos dos documentos  aludidos ao longo do mesmo, sinalando a súa ubicación).

OS RELATOS DE PEREGRINOS

O libro de Rivadulla Porta continúa con con outra fonte documental como son os relatos de peregrinos que reproducimos, (traducidos ao galego), tal como aparecen na súa obra:

Relatos de peregrinos.- Interesa coñecer as impresións dos peregrinos que vindo a Compostela deixaron unha relación do seu paso polas nosas terras.

Relación anónima dun peregrino alemán, ano de 1446-1448( arquivo do autor, fotocopia).

“Dende Finisterre pasei á Barca da Nosa amada Virxe María, que é sen dúbida a cousa máis estupenda e miragrosa que en toda a miña viaxe vin. É de pedra, dunha soa peza, moi grande, perto dela hai outra a maneira de mastro que poderá ter de longo coma uns quince Klasters e cada Klaster uns seis pés. É tan grande este mastro e pesa tanto que vinte bois poderían apenas movelo do seu sitio , e a pesares disto, se algún peregrino se achega a el pode movelo cun dedo só , sen a menor dificultade. Para esto é preciso que o home que a move non estea en pecado mortal, porque se o está ou se foi excomulgado e non fixo penitencia, de ningunha maneira pode facer que se mova. Moitos van alí , ata nenos de poucos anos a quenes vin facer o que outros non poden. Eu mesmo movin aquela enorme pedra coa maior facilidade, cousa para min asombrosa”.

Relación  do Barón León de Rosmithal, ano de 1466 .

Chegou a Santiago co seu séquito de nobles bohemios, cando estaba preso o Arcebispo Don Alonso de Fonseca o I e a catedral sitiada , convertida en fortaleza pola nai do Arcebispo que se pechara nela cun irmá deste, neno de poucos anos, asediándolles o noble galego Bernal Táñez de Moscoso ( antecesor dos Condes de Altamira, que estaba en guerra coas xentes do Arcebispo , sendo un dos motivos, o non querer darlle este feudo á vila de Muxía, como llo prometera o Arcebispo anterior, Don Lope de Mendoza, como dote para casar coa súa irmá Dona Ana de Mendoza.

De Santiago a Estrela Escura ( Finisterre) , hai catorce millas, pero tan pequenas que se poden andar en medio día; este lugar solechamarse polos naturais o fin da terra. Cando íamos a este lugar case a metade do camiño, vimos na costa unha nave cos sus remos, cables e demáis aparellos feitos en pedra e aseguran que esa nave transportou a Deus coa súa nai e desembarcaron alí…

Relación de Nicolás de Popielovo, ano 1484.

O noble Nicolás de Popielovo nascido en Breslau ( Silesia) procedía dunha antiga familia polaca xermanizada. Quería visitar o mundo e por iso o 2 de febreiro de 1483 despois de obter do seu Soberán o permiso que necesitaba para deixar as súas bandeiras, dixou a corte imperial alemá para visitar algúns países de Europa. En xuño de 1484 embarcou para Portugal e dende alí foi a Santiago de Compostela. Viaxaba nun carro sobre o caldescansaba a longa e pesada lanza que solía manexar nos troneos nos que tomaba parte, causando en todos admiración pola terrible forza do seu brazo. Dí o seguinte no seu relato:

“ Chegamos a Sat Iago o véspera de Santa María Magdalena. Ao día seguinte dnde Santiago fixen doce millas alemás a cabalo ata Nosa Sra. Da Barca, onde vin un barco destrozado , feito de pura pedra cun mastro eunha vela colgada, ambos de pedra. O mastro terá unha altura de tres homes. Sen embargo eu e máis outros puidemos mover esta pedra cunha man e esto parece un grande miragre. No mesmo barco navegou a Nosa Señora. Desta nave da Nosa Señora ou da Barca cheguei ata Finisterre.”

Relación de Erich Lassota de Steblovo, ano de 1581.

Lassota en 1579 está en Praga e ao ter novas das pretensións de Felipe II ao Reino de Portugal, baleiro pola morte de Don Sebastián concibe o desexo de loitar baixo as súas bandeiras, como o fai durante catro anos, O 6 de febreiro de 1580 desembarca en Cartagena e comeza o seu diario de España e Portugal.

Na súa narración di o seguinte:

“ En 5 de outubro despois de loitar case todo o tempo con ventos adversoso, empezando tamén a faltarnos as provisións e especialmente pan e auga, apercibimos con gran xúbilo e ledicia Cabo Finis Terrae ( ou Nerium Promontorium) en Galicia, pola mañá, e pola tarde preto de Munxía, entramos no porto ( co Galeón San Miguel) alí xunto co meu compañeiro de sección, fomos ao instante a terra , onde pasamos o 6 de outubro. Munxía é unha pequena cidade, que ten un gran e bo porto ,á súa entradae  á dereita , atópase unha gran Capela ou Igrexa na que se venera con garn devoción á Nosa Sra. Da Barca.No altar maior está colocada unha estatua de madeira que representa á Virxe, alta, máis ou menos  unha ana de Viena, ciberta dun manto branco, cunha cenefa dourada e forro de cor violeta escuro; o seu vestido interior é vermello e ten no brazo un neno. Dise que se un pintor quixera dar outra cor ao vestido, ou volveríase cego inmediatamente, ou sucederíalle algunha desgraza ou unha ignominia publica.A estatua da Virxe din que veu alí en barco de pedra, que está no fondo do mar, coa súa vela, temón e mastro, todo de pedra. A vela e o mastro son moi grandes e pesados de xeito que algúns pares de bois non poderían arrastralos; sen embargo estando alí colocados un home cun dedo pode movelos , e esto experimenteino eu mesmo.

O 7 de outubro fomos de Munxía a Marcandián ( Morquintián), aldea, un cuarto de milla; logo a Loalo, aldea, un cuarto de milla, máis adiante a Ponte Barceboso ( Baosilveiro) que pasa sobre un pequeno río, media milla; a Canosa, media milla, a Finisterre unha milla e media, onde o 8 de outubro quedamos(…).

Continúa Rivadulla Porta concluindo:

Coa documentación antecedente pódense formar as seguintes deduccións:

Pola doazón feita polo Rei Afonso VII ao Mosteiro de Moraime sabemos que acodían peregrinos á comarca de Muxía a principios do século XII, feito que debeu ocorrer con anterioridade a este século;  posiblemente, estas peregrinacións tiveron principio ( vencelladas á Lenda Xacobea) pouco tempo despois de ser descoberto o Santo Sepulcro do Apóstolo.

Os motivos destas peregrinacións debíanse á Lenda da aparición da Santísima Virxe ao Apóstolo Santiago, nesta comarca, á curiosidade de contemplar a Barca de Pedra, onde viaxou a Nai de Deus, e a poder mover cun só dedo,  ou man , semellante mole granítica, que nun principio simbolizaba á Virxe mesma e cuio movemento servía para anunciar ao peregrino que a súa alma estaba libre de culpa e que ao remate do seu longo camiñar, recibía o preciado don do perdón, premio á constancia e á fe.

Pronto se formou o Camiño Francés, trazado cos feridos pés de milleiros de peregrinos que camiñaban cara Occidente, movidos pola esperanza. No século XVI, xa é coñecido este Camiño co tal nome nesta comarca , e xa non son tan só enfermos da alma os que aquí acoden, tamén o fan enfermos do corpo ( mal de Bubas, enfermidades vesánicas, lacerados) que teñen espranza nunha miragrosa curazón .As fontes e arroios onde apagan a súa sede e lavan as súas feridas , son marcadas cun nome, para non ser usadas polos naturais , por medo ao contaxio.

Os frades de Moraime cobran a luctuosan dos que morren nas súas terras ( a mellor cousa de catro pés, é decir, a súa cabalgadura), apodéranse das mellores roupas ou utensilios de valor que leve enriba o falecido.Isto move ao Capitán Xeral da Rexión, no século XVII a mandar Carta e Provisión Real ao Prior de dito Mosteiro, ordeandolle que non cobre a luctuosa aos Romeiros que morren nas súas terras. Isto danos a entender que deberon de ser moitos os falecidos, para tomar o Capitán Xeral tal determinación.

A vila de Muxía está separada e sempre o estivo da antiga xuridicción do Mosteiro de Moraime e hoxe da parroquia do mesmo nome, entre outros , por uns montes chamados os Malatos, cuio nome significa “enfermo, gafo, lacerado”. Isto é moi significativo tendo en conta o dito anteriormente. Ben, nestes montes eran soterrados gran parte dos peregrinos que morrían na vila de Muxía, ou en Moraime, ou ben era o lugar onde acampaban, pois , como é lóxico, as xentes da comarca fuxían do trato con eles, ou ben por ambos motivos. Estes peregrinos enfermos tomaban camiño cara o Santuario, baixando dos Montes á Camposa, camiñando polo Coído e A Pedriña, e a parte traseira da vila, ata dar co Camiño da Pel, que conduce, polo Monte Corpiño, cara o Santuario. Na metade deste camiño, e fronte á Sala do Perello (nota: Sala do trasno, forma unha cova natural que debeu ser habitada antigamente), existe a Fonte da Pel, que máis ca fonte é un baño, onde debían asearse e limparse os peregrinos antes de facer a súa entrada no lugar sagrado.Esta fonte, ou baño,foi mandada tapiar polo Alcalde da vila, Sr. Guzmán , no século XIX, por medo aos contaxios.( nota: arquivo de Bujeiro- Muxía). No ano de 1925, no que houbo unha gran subida do mar, quedou de novo ao descuberto, tal como pode apreciarse na actualidade.(…)

fotografía que aparece no libro de Rivadulla co texto: Fonte da Pel, ou Baño da Pel , pola súa forma e dimensións é moi prosible que nel se bañasen os peregrinos usando auga do mar e a escuma que se forma nas rochas, moi rica en contido de iodo natural

(…)Moitos destes peregrinos enfermos eran acollidos nun hospital que para estes fins se fundara na vila de Muxía, e que no século XVI xa funcionaba,como pode comprobarse polo testamento do mercader  Alonso García, veciño da vila e fundador da Capela da Encarnación.

restos da Capela da Encarnación. Foto de Rivadulla Porta

Os camiños que conducían a estas xentes á comarca de Muxía, están ben definidos no poema do Marqués de Figueroa “ Camiños da terra, camiños do mar, na Vire da Barca se veñen xuntar”. Un camiño francés ( o máis usado) conducía da cidade de Santiago cara o Occidente, pasando por Ponte Maceira, deixando a un lado Negreira, dirixíase a Brandomil, continuando cara Orbellido, pasaba a Olveira, adentrábase na comarca de Buxantes e á altura da Fonte Santa, bifurcábase en dous ramais, un que conducía cara á vila de Fisterra, , pasando por Carboal, vila de Cee, vila de Corcubión, Sardiñeiro e Fisterra. O outro camiño que conducía cara á vila de Muxía baixaba cara Trasufre, pasaba por Senande, Vilastose, Fumiñeu, Cebráns e chegaba ao Mosteiro de Ozón, de alí pasaba ao de Moraime e deste á vila de Muxía.

Había outro camiño que enlazaba as vilas de Muxía e Fisterra, chamado o Camiño da Costa, que inda hoxe é usado polos Romeiros que veñen á Romaría da Barca. De Muxía pasaba a Figueiras , seguía a Xurarantes, Guisamonde, Loalo, Frixe, Baosilveiro, Lires, Duio, Cancela e Fisterra. Como pode apreciarse polos relatos de peregrinos o que chegaba a Fisterra , continuaba cara Muxía, e viceversa. Estas dúas vilas estiveron sempre unidas  e vencelladas á Lenda Xacobea, e o mesmo á historia do Arcebispado de Santiago.

O occidente , onde tódolos días se pon o Sol, sempre foi a Esperanza do Peregrino.

Deixamos aquí os textos deste interesante libro. Volveremos sobre el no apartado das lendas de Muxía

Despois de esta obra Rivadulla Porta publicará “ Santuario de Ntra. Sra. De la Barca-Muxía.LEYENDA, HISTORIA, ARTE, FOLKLORE”,

Capa da obra de 1980

que é unha segunda edición ampliada da obra anterior,  e así o fai constar  , sendo esta publicación do ano 1980 e contando como coautores con Manuel Canosa Mouzo, párroco de Coucieiro – gran colaborador de Rivadulla Porta, Manuel Canosa merece unha mención especial;  era muxián e foi un home moi preocupado pola posta en valor do noso patrimonio e pola historia da comarca, tiña un arquivo con moitos datos que compartíu con Rivadulla en longas tardes de traballo na súa casa de Coucieiro- e , con X. A.Castro Fernández que aportou á publicación a súa interesante tese doutoral. Como aparece na presentación:

“ Nun principio pensouse na reedición da monografía “ El Santuario de Nuestra Sra. Dela Barca( Muxía) . Notas históricas”, de J. E. Rivadulla Porta, con algunhas modificacións , ganando en amenidade e información, para elo apuntou M. Canosa Mouzo a idea de omitir o apéndice documental e agregar dous capítulos, un que tratase sobre a coroación canónica de Nsa. Sra. Da Barca, e o outro do folclore . Sabedores de que J. A. Castro Fernández, natural da vila de Muxía, na súa tese doutoral trataba entre outros, de temas tan interesantes como son: o estudo iconográfico da imaxe da Virxe da Barca e o estilístico do Santuario e retablos, dacordo con el conxuntaron esta temática coa anteriormente tratada, e elo é o resultado aquí presentado. ( Os autores)” . Esta segunda obra leva fotografías de Ramón Caamaño, de Manuel Campos Morgade e do propio Rivadulla Porta.

OUTRAS PUBLICACIÓNS DE AUTORES MUXIÁNS

Seguindo a senda aberta por Rivadulla Porta aparece en1997, a obra de X. Antón Castro, “Muxía, Finisterre da Ruta Xacobea e Santuario de Culto ás pedras”. A obra está dedicada a “María Teresa Rodriguez que defendeu sempre os Camiños da Barca…e a J.E.Rivadulla Porta e Manuel Canosa, que adicaron parte da súa vida a investiga-las do pobo de Muxía”

Capa do libro de X. Antón Castro

No seu discurso,  Castro – profesor e crítico de arte- volve sobre as lendas e o culto ás pedras facendo unha interesante análise do mesmo e retoma os documentos  e relatos de peregrinos que sacara á luz Rivadulla Porta, polo que mostra un gran respeto  “ J. E. Rivadulla Porta, o estudioso máis serio da Muxía xacobea, fala no libro, no que tiven oportunidade de comparti-la autoría con el e con Manuel Canosa Mouzo, doutros documentos que abundan na inclusión da vila no Camiño de Santiago e, en especial de cartas, preitos e bens, onde aparece, con frecuencia , ó longo dos séculos XVII e XVIII , o nome de Camiño Francés ó referirse ó termo municipal de Muxía”(op. Cit. Páx. 27)  Esta documentación á que alude Castro aparecía xa na obra de Rivadulla do ano 1974 , libro que nunha segunda edición, como xa dixemos,  se completa coas aportacións de Canosa Mouzo e o propio Castro no 1980.

Esta obra de Castro comparte con aquelas obras pioneiras o desexo de demostrar documentalmente a relación de Muxía coa ruta e tradición xacobeas e a chegada de peregrinos ata o noso municipio. Falaranos tamén da toponimia e do hospital para peregrinos que houbo en Muxía, como fontes que nos achegan á tradición xacobea e, ademáis de outras moitas cousas que vale a pena ler.

Ao final do libro, Castro incorpora unha ruta trazada por Luís Pereira , muxián que se implicou na recuperación do Camiño Histórico Santiago – Muxía, pero que a pesar de ter esa loable intención de recuperación e posta en valor, comete o erro de facer ir a ruta dende Ozón ata Merexo, – recoñecendo que este non é o Camiño histórico-, o que fai que ainda a día de hoxe algunhas publicacións caian no erro de facer pasar o camiño por Merexo, o que obriga aos peregrinos a ir para atrás e apartarse nun tramo do Camiño histórico :

Dí o libro “ De San Martiño de Ozón prosegue o camiño por Vilar de Sobremonte, pero o novo ensanche da estrada Berdoias- Muxía volveuno moi perigoso para os viandantes, polo que se impón buscar unha perquena variante que nos fai descubrir fermosas paisaxes mariñas. Polo tanto , tomarémo-lo camiño que leva dende a igrexa de San Martiño de Ozón ata Merexo, proseguindo polo Alto de Vilela ata chegarmos ós Muíños” ( op. Cit., páx.125) Esta é unha volta totalmente innecesaria e que non está documentada nen recoñecida dentro do Camiño Xacobeo, de tódolos xeitos hai que recoñecer a boa intención e o traballo de promoción e preocupación pola posta en valor do Camiño por parte de Luis Pereira.

 

Un autor muxián, actual , que non podemos deixar de mencionar é Manuel Vilar Álvarez, historiador e antropólogo, estudoso do Camiño.

Capa de " O Camiño a Fisterra" de Manuel Vilar

Nos seus traballos Manuel Vilar  incorpora , ademáis do rigor que lle da a súa formación como historiador e antropólogo, unha nova visión, a visión do peregrino, pois Vilar Álvarez é peregrino de tódolos camiños e leva facendo difusión do mesmo ao longo de moitos anos, non só con publicacións, senón tamén con conferencias, artigos, facendo de guía do Camiño, etc… Un traballo que supón unha aportación importantísima ao Camiño.  Aporta unha visión social,dando un enfoque do camiño como elemento dinamizador das zonas polas que pasa.E esa dinamización seríao tanto no plano cultural e social como no económico.

Os seus libros son unha guía do Camiño, non só para facer a ruta senón para tentar de penetrar nela culturalmente.

No ano 2006 publica “ Camiño a Fisterra”  (A Nosa Terra ) e no ano 2009 gaña o Premio Rutas Xacobeas pola obra “ O Camiño á fin da Terra”, obra orixinalmente escrita en galego, pero que a Asociación de Camaras de Comercio publica en castelán. Manuel Vilar é hoxe un referente nos estudos e difusión do Camiño de Santiago e en especial na prolongación cara á Costa da Morte.

obra premiada de Manuel Vilar

Outro muxián que recolle a tradición xacobea de Muxía é X. H. Rivadulla Corcón ( fillo de Rivadulla Porta), pero farao dende outra perspectiva, a da poesía, no libro “ Camiño ao mar” ( Auga Editora, 2010). Os poemas estrutúranse seguindo as etapas do Camiño de Santiago a Muxía. O peregrino fai un camiño iniciático para volver á súa orixe, á súa esencia, á súa casa: o mar.

"Camiño ao mar," de Rivadulla Corcón

Corcón une  a tradición xacobea coa tradición mariñeira de Muxía onde o peregrino – mariñeiro, á vez que camiña vai indo cara o seu interior , cara á súa esencia. O mito de Caronte , barqueiro que recolle as almas e que Rivadulla Porta xa relacionaba no seu primeiro libro coa Costa da Morte, a Pedra de Abalar e a Punta da Barca, volve acadar protagonismo no xogo poético de Corcón xunto ao mariñeiro que volve ao mar para pechar o ciclo e dar sentido ao Camiño.

E outro muxián do que hai que falar; ainda que non temos , ata a de agora, a publicación que agardamos del,  ( unha historia da Muxía medival)  pero que si ten publicados numerosos artigos e traballos e do que non queremos deixar de facer mención , é o investigador muxián José Enrique Benlloch del Río, especialista en Historia Medieval e cuias investigacións poden actualizar e enriquecer os  datos dos que ata agora dispoñemos, pois como xa dixemos a Historia é unha ciencia viva, en movemento .

********************************

No seguinte enlace podedes ler a crónica do Camiño que escribiu Manuel Vilar unha vez que fixo de guía para o camiño organizado polo Concello de Muxía. Manolo Vilar descrebe moi ben como foi toda a ruta de Santiago a Muxía:

Crónica da primeria peregrinación do ano 2010,  de Manuel Vilar