O mar

Fotografía de Marcos Rodriguez, gañadora do I Maratón Fotográfico Ramón Caamaño ( ano 2010)

O mar é unha das principais fontes de todo un universo que se expresa no PCI. O mar é o creador dunha forma de vida e brinda para o noso patrimonio inmaterial , dende os oficios, ás artes de pesca, á organización do traballo, todo o universo do traballo mariñeiro …ademáis, o mar ofrece un espectáculo grandioso nos días de temporal co son do vento bruador e o son das ondas contra os cons ( os sons tamén forman parte do PCI e os temporais son un patrimonio que debemos valorar)…., danos ademáis un vocabulario rico que vai dende os nomes das artes de pesca, ata os nomes dos peixes e os nomes das pedras, que coñecen tan ben os percebeiros , e os baixos e caladeiros que coñecen os mariñeiros.

O mar é unha potencia infinda para darnos elementos de este PCI que queremos preservar.

Sen esquecer a tódolos homes e mulleres do mar, traballadores e traballadoras que deixaron a súa historia na memoria colectiva muxiá, que contribuiron a fornecer á tribo mariñeira que somos e cuia lembranza e historias tamén forman parte do Patrimonio Inmaterial propio.

Neste apartado iremos incorporando elementos que teñen que ver co mar.

fotografía de Xerardo Haz Lema

O MAR NOS NOSOS POETAS

E sobre o mar escribiron e escriben os nosos poetas. A Costa da Morte é unha terra vizosa en poesía.  Traemos neste apartado dedicado ao mar a catro poetas de Muxía, de xeracións distintas .

 

Gonzalo López Abente ( 1878-1963); foi considerado polos seus compañeiros de xeneración “o poeta do mar”. López Abente , no poema que mostramos a continuación preséntanos ese mar bravo, o mar dos temporais da nosa costa, ese mar envolto en cores grises, prateadas e brancas , unhas cores preciosas, en movemento e cambio continuo,  que podemos disfrutar,  coma en ningures , na Punta da Barca nos dias de temporal. Tamén é o mar indomable, omnipresente que sobe polas rúas muxiás ( así era antes da construcción do dique novo) e ao tempo un mar que é creador dunha forma de vida , “ o gran creadore dunha eterna traxedia”.

O MEU MAR

Una nube de chumbo a tapar todo o ceo;

borraxeira e orballo que revoan no ar;

os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,

espallando queixumes con dorido fungar;

os montes envolveitos na brétema sotil;

e as bocas desdentadas da furnas no cantil.

 

Escumas, ardentías,

atruxante balbor,

e, cal apocalípticas porfías

de cíclopes, vestiglos e xigantes

das vellas e varís mitoloxías,

os ecos trepidantes

do líquido elemento bruador.

 

¡O mar!

¡O meu mar!

¡O mar que eu vexo,

nestes días de inverno,

gris, abalante,

inquedo,  forte e rexo,

a cólera a roubar do fondo averno

e a bater na orelas, escumante

de rabia e de furore, nun épico loitar!

 

Este mar que derruba coas paredes das hortas,

desfaise contra os cons e sobe polos cabos;

que corre polas rúas ribeiranas e tortas

antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.

este mar belicoso que a costa brava asedia,

que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza

e en escumas de prata no cantil as destrenza…

É o gran creadore dunha eterna traxedia.

                                               (Nemancos. Nós, 1929)

 

Xervasio Paz Lestón (1898- 1977); poeta de  Serantes, un lugar da parroquia de Moraime . No poema de Paz Lestón que traemos aquí , hai outra visión do mar como complemento para o sustento das xentes dos lugares do municipio, que viven da terra, pero tamén acuden ao mar a buscar algazo ou percebes.  Aparece aquí un traballo que forma parte do noso PCI , como é a recollida do algazo. En Muxía a recollida do algazo é unha actividade importante que complementa ás economías familiares. É un traballo que fan moito as mulleres.

Paz Lestón ademáis mantén sempre un ton social e reivindicativo, como pode verse neste poema:

ALGAZO

E media noite pasada

I érguese a xente apurada

n-o lugar;

os veciños

amañan carros i enciños

pra ir ao mar.

 

Alguén foi de noite a area

Vendo, ao baixar a marea,

O algazo en seco, en montón;

os de Bouzas e Cartel

tamén pasan pra ir a él

âs pedras de Boi Virón.

 

Chegan os carros; o algazo

forma impoñente ribazo

todo ao longo do praial;

xemen eixos e chedeiros

camiño dos fiunlleiros

en donde fica en tendal.

 

O invernal sopro do vento

bate o líquido elemento

i alcende as furias do mar…

Torna a sobil-a marea

i envolve en tombos â prea

que outra vez quere levar.

Homes…mulleres….rapaces…

bótanse ás ondas, audaces,

locindo o enciño na man,

(! a labrega chave d´ouro

conque acadan o tesouro

que garda o bravo titán!)…

 

E media noite pasada

i érguese a xente apurada

porque hai algazo no mar,

pois pra que coma o goberno

vive o labrego un inferno

de sofrir e traballar.

 

( Recollido en :  Miro Villar. A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudio. Edicións do Castro,1998)

 

X. H. Rivadulla Corcón ( 1962); poeta contemporáneo cuia obra está totalmente inmersa no mundo do mar. Xeralmente o mar de Corcón é un mar habitado por homes e mulleres que o traballan, un mar humanizado por toda a cultura mariñeira que o propio mar crea e pola capacidade do home para vivir en perfecta simbiose con el e para dignificar ese mar e os seus oficios. O mar, no poema que traemos , é a orixe, o que fundamenta toda unha forma de vida, o que da sentido á tribo mariñeira que Corcón sempre reivindica na súa obra:

 

Volver ao mar, á orixe,

a primeira e a derradeira casa

a que albergua as lembranzas,

 

a que é unha xanela aberta ao futuro,

a que está emprazada no tempo que non existe,

que é no pasado, no presente e no futuro.

 

A orixe e o final,

a que nos contén e nós contemos,

volver ao mar, volver a nós.

( Camiño ao mar. Auga Editora, 2010)

Rosalía Fernández Rial (1988) é unha poeta moi nova, pero que co seu traballo , serio e de calidade ,xa se fixo un oco na tribo dos poetas costeiros; no poema que presentamos, a autora mira o mar dende a costa, ou mira a costa que habita neste mar. A forma como terra e mar interactúan define un  territorio que marca a forma de ser, de estar no mundo e de sentir dos habitantes da Costa da Morte.

COSTA DA MORTE

Onde as fauces da quenlla costeira

devoran bombas de océano,

sangra solpores a Terra do Mar.

Os seus beizos de buguina

falan dun nordés envelenado

e chuspen naufraxios

sobre redes de cons.

Na súa lingua areente

ancoran praias desertas

que lamben sen medo

A LIBERDADE.

As almas de salitre que vivimos dentro

temos o corazón atravesado

polas dentadas da quenlla,

e, no interior deste burato,

atragóensenos temporais.

É por isoque na Costa da Morte

latexamos con máis forza.

( Un mar de sensacións.2011)