A Buserana

fotografía de Xan Fernández Carrera

Para o noso proxecto escollemos o nome da Buserana, unha furna que garda unha lenda fermosísima e que une moitos elementos dos que queremos preservar co noso proxecto : unha lenda, un lugar fermoso que forma parte da paisaxe cultural xa que é lugar de lendas, tamén nel pode escoitarse un son fermoso e moi muxián do mar batendo nas rochas e o recendo do salitre e os salseiros que humedecen o rostro e a alma. E ademáis é un lugar literario pois sobre a Buserana escribíu o poeta muxián Gonzalo López Abente, e máis recentemente aparece na novela O noso amor será eterno do tamén muxián X. H. Rivadulla Corcón. 

No apartado de literatura de este blog atoparedes un poema de Miro Villar que fai referencia á Buserana.

A furna da Buserana está ao pé do monte Cachelmo , é de difícil acceso por terra pero chégase moi ben por mar. Alí , preto desa furna dín os mariñeiros que se escoitan voces e fermosas cantigas de amor e quen vaia ata alí a solicitar ser correspondido polo seu amor, terá éxito .

Ben , tratándose de patrimonio inmaterial o nome do proxecto non podía ser outro.

Furna da Buserana

A LENDA DA BUSERANA NA OBRA DE GONZALO LÓPEZ ABENTE

Na novela do muxián Gonzalo López Abente que leva o título Buserana (1925) aparece a lenda tal como reproducimos a continuación :

“- Unha vez, hai desto xa moitísimos anos, tantos que aínda os avós dos nosos bisavós non naceran, chegou á porta do castelo, un aventureiro trobador. Este castelo, erguido enriba dun castro céltigo, de altas torres e paredes ciclópeas, está situado non lonxe de aquí, no lugar que hoxe chamamos dos Castelos. Nel vivía o máis poderos Señor das terras de Nemancos e Soneira que domeñaba sen rival dendes das beiras do Xallas deica as ribeiras do mar. Tiña este cabaleiro unha filla moza, linda e boa, cuxa sona pasaba os límites do señorío do seu pai e chegaba ás máis apartadas montañas, e enchía os salóns das mansións aristocráticas das vilas do Reino. Esta garrida princesa era orfa de  nai e vivía na compaña dunha vella parenta do conde. O conde pasaba longas tempadas ausente, adicado a empresas guerreiras contra os mouros . Pois, ben, nunha destas ausencias do castelán chegou o aventureiro trobador.

O trobador, mozo lanzal, de roibas guedellas e ollos de ensoño, acompañándose do seu melodioso laúde que levaba decote ao lombo, cantou unha noite ao pé das murallas do soberbio castelo. Improvisou unha tenra cántiga de amor, tan doce e melancónica, que arrincou bágoas a tódolos habitantes da mansión, e hastra as estreliñas do ceo agacharon os seus luminosos palpebrexos tras dos lenzos das nubes viaxeiras que comenzaron a deitar miúdas pingotas de orballo.

Aquela canzón desfechou as portas do castelo e tamén, de par en par, as do delicado corazón da linda castelá. O amor xurdíu potente e domeñador, axuntando e queimando as almas nobres dos dous rapaces. Felices pasearon o seu idilio por estas verdecentes campías  e por estes coídos e ribeiras de traxedia. Frente ao mar, o garrido Buserán (que así se chamaba o inspirado trobador), improvisaba canzóns de fineza e constancia invencibles que Florinda, a castelán, escoitaba embebida e trasportada ás máxicas rexións do encanto e da quimera.

Mais todo nesta vida remata. Os namorados foron traídos á realidade coa chegada do conde, que ao ser sabidor daquel amor rompeu con man de ferro o lazo que os axuntaba. Buserán foi botado do castelo e Florinda encerrada no seu aposento. A pobre nena aínda puido oír algunhas noites o acento enfeitizador das cántigas do amante, pero, despois, en van escoitaba no silencio. Nunca máis a voz querida chegou ao seu encerro.

E un día toleou. Toleou, cando pasados moitos meses e recobrada a súa libertade, oíu asombrada a un coitado pastor referir como o trobador, unha noite tromentosa, foi arroxado polos srvidores do Señor nas negras entrañas dunha fonda furna da Costa Alta.

Dende entón Florinda vagaba pola costa brava, buscando o seu amado. Un fiel e vello servidor seguíaa decote vixiando os seus pasos. E este, unha noite, co espanto reflexado na face, os ollos desbugallados e os cabelos crispados, chegou ao castelo berrando:- Señor, Señor, a súa filla foi arrebatada do mundo. Levouna Buserán para o fondo dunha furna!

Cando se calmou un pouco e puido enfia-las ideas, contou que ao anoitecer, seguindo coma sempre á infeliz Florinda, viu que esta baixaba a présa polo monte Cachelmo cara ao mar. El tomou a mesma direccióncorrendo a ver se a atrapaba, temeroso de que se despenase pola xigantesca furna que naquel sitio abre a súa boca enorme. Pero non puido atrapala e , pasmado, viu que cando chegou á beira do abismo detívose berrando: Buserán, Buserán, meu amado Buserán! Entón oíu distintamente a voz do trobador que cantaba unha das súas máis lindas canzóns. De súpeto unha xigantesca ola estrelouse aló embaixo nos penedais e unha columna de brétema subiu, subiu, hastra onde ela estaba, e desfiañándose, coma o fume que sae das chemineas do pazo, deixou ver a figura lanzal de Buserán que estreitando nos seus brazos a Florinda, levouna e mergullouse con ela nas fondas escuridades da furna.

   Esta é a historia da Buserana, que así se chama dende aquela a furna que se abre na faldra do Cachelmo, e din os pescos que alí baixan a pescar, que aínda hoxe óense moi a miúdo, en determinadas noites, as doces cantigas de Buserán. Pero do que non hai ningunha dúbida é que , dende este sucedido, ten aquela furna a virtude de facer que sexa cegamente amado o que a ela baixe a pedir correspondencia ao seu amor (…)”

Recentemente ( 2012) , a Fundación Gonzalo López Abente, Xunto con Edicións Xerais publicou un volume no que se recollen as novelas curtas de López Abente baixo o título A narrativa mariña de Gonzalo López Abente. Nesta edición excelentemente coidada e preparada por Suso Sambade (patrón da fundación) pode lerse completa, xunto a outras, a novela Buserana.

4 reflexións sobre “A Buserana

  1. Grazas Xusto. Incorporamos a ligazón co teu conto no apartado de colaboracións, para que poida lelo todo o mundo.Saúdos

  2. Pingback: A Furna da Buserana | Recunchos da Costa

Os comentarios están pechados.